oalentodamusa

Archive for Decembro 2010|Monthly archive page

De Castro

In libros on Decembro 28, 2010 at 6:26 pm

Q de Vian Cadernos

Q de Vian Cadernos é unha iniciativa do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, que con este primeiro número busca incidir na visibilidade da produción artística galega. Esta colección nace con afán de continuidade, polo que periodicamente abrirase a porta deste espazo á participación de artistas galegos e galegas, así como a autores e autoras de países lusófonos cos e coas que xa actualmente se manteñen relacións.

De Castro.- Colectánea poética de Alba Méndez e Alberte Momán, que unifica a visión de ambos sobre a obra e a figura de Rosalía de Castro, icona da literatura e a identidade galegas. Lonxe de todo academicismo e de pretensiosas actualizacións que estarían fóra de lugar, trátase dunha apropiación da obra da autora galega, para achegala á de dúas persoas diversas nun exercicio de posta en común, non exento de conflitos.

 

Esta é a contracapa do libro De Castro, publicación que se constitúe como o número 1 do que se pretende sexa unha publicación periódica, os Q de Vian Cadernos. Unha iniciativa do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar que, malia que este número só conta coa participación de Alba Méndez e de min mesmo, para os serguintes pretende ser unha punto de encontro da produción artística de toda a Lusofonía. Un medio para dar a coñecer a obra de distintos autores e autoras, sen condicionantes fronteirizos, e cun nexo común, o galego-portugués.

Polo que respecta a De Castro, cústame realmente definir o  proxecto. Non se trata en abosluto dun libro sobre a vida de Rosalía de Castro, senón que, sen grandes pretensións, é un achegamento da obra de Rosalía á produción poética que Alba e máis eu estamos a realizar nestes momentos. Cando menos iso é o que eu vexo unha vez realizada a edición. Claro que como vos digo isto, dígovos tamén todo o contrario. Porque, se ben nun primeiro momento, despois de reler detidamente a obra poética da autora, Rosalía de Castro foi o centro do noso traballo, pouco a pouco fómonos apoderando del, interiorizádoo de tal xeito, que, tratando os mesmos temas, non sabiamos se continuabamos a súa estela ou se, pola contra, erabamos nós a escribir sobre nós mesmos. Tal amálgama de sentimentos, devíu axiña en pequenas disensións que o único que facían era mostrar dúas personalidades que, compartindo moitas visións e experiencias vitais, enfrontábanse á hora de describir esta icona da literatura e a identidade galegas. Malia todo, reforzados por esa conexión debida ao traballo en común, decidimos propor ao colectivo A Porta Verde, do que participamos, a publicación do actual volume, integrado, como número un, nos Q de Vian Cadernos.

Pola defensa da Lingua

In actos on Decembro 3, 2010 at 11:12 am

A Difusora das Letras, Artes e Ideas e máis eu, como autor de O alento da musa,  vimos de comezar cunha campaña na que persoas ligadas á defensa do libro, a lingua e a cultura galegas recibirán un exemplar do volume, xunto cunha carta na que se lle recoñece o traballo realizado. Sabedores de que non podemos chegar con esta iniciativa a todas as persoas, colectivos e institucións, tanto a editora coma min, desexamos, con todo, poñer en valor a ardua tarefa da defensa da lingua galega, na súa vinculación co proceso de creación literaria en Galiza.