oalentodamusa

Meme dos libros

In Uncategorized on Outubro 23, 2013 at 8:21 am

 

libros1

Envioume Rosa Enríquez un convite para facer un meme de libros e, sacrificando o tempo de ler o xornal, respondín ás preguntas que me fixeron.

Non envío este meme a ninguén, porque me parece comprometer a algunha persoa a facer algo do que, se cadra, non gosta, pero comprométome a divulgar o meu para quen, voluntariamente, o queira responder.

1º- O último libro que liches.

‘El Potomak’ de Jean Cocteau, editado por unha casa ben interesante, Cabaret Voltaire, que coida moito tanto a forma como o contido de todo o que saca.

2º- O libro que mudou o teu xeito de pensar.

Durante a adolescencia, caeu na miña man un libro no que Thomas Mann falaba sobre Nietzsche, Wagner e Shopenhauer. Non creo que me cambiara a maneira de pensar, sinxelamente axudoume a aprender a pensar.

3º- O último libro que che fixo chorar.

Coido que os libros que máis me marcaron foron os da adolescencia. Naquel parasitismo romántico do que adoecemos durante esa época, especialmente marcada por unha revolución hormonal, o Werther de Goethe, foi co que máis chorei, se é que cheguei a facelo.

4º- O último libro que che fixo rir.
’El Potomak’ de Jean Cocteau, malia o meu pesimismo natural, acrecentado pola indignación que produce a situación socioeconómica actual e a crise de pensamento que atavesamos, adoito comprar libros para rir.

5º- O último libro que prestaras e non che devolveran.

‘O arrancacorazóns’ de Boris Vian.

6º- Un libro que che emprestaran e que non devolveras.

Son eu quen adoita prestar libros.

7º- Un libro que relerías.
’O outono en Pekín’ de Boris Vian, coido que hai cousas novas que descubrir con cada relectura deste volume.

8º- Un libro para agasallar a cegas.

Un en braille.

9º- Un libro que te sorprendeu para ben.

Son bastante repunante, entre outras cousas, porque se teño dúbidas sobre o resultado dun libro, sinxelamente non o leo. Non adoito sorprenderme trala lectura, porque xa imaxino o que podo esperar de cada un. Cando erro nas miñas apreciacións, adoita ser para mal.

10º- Un dos primeiros libros que liches na escola.
Las aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain.

11º- Un libro que roubaches.
Roubar, non lle chamaría así, coido que rescatar sería un termo máis adecuado. Podo contar a historia para contextualizar. Houbera, hai anos, unha instalación de arte que consistía en cubrir o perímetro da muralla de Lugo con libros. Cúmulum, creo que se chamou a experiencia. Unha vez rematada a exposición de libros, foron parar ao antigo edificio da Escola Politécnica Superior, en grandes montos que demos en chamar, Túmulum. Ese edificio sería posteriormente derrubado para construír a actual Escola de Música e Danza. Os libros que non foron rescatados daquelas instalacións, forman parte dos alicerces dese novo predio. Daquela fíxenme cun libro dun tal Joel Spring, que facía un resumo sobre ‘A Educación Radical’.

12º-Un libro que atoparas perdido.

Coido non ter atopado ningún libro.

13º- O autor do que máis libros tes.

De Boris Vian.

14º- Un libro valioso.
A edición orixinal de Planh. 10 poemas de Ane-Marie Cazalis, así como as obras completas de Alfred Jarry.

15º- O libro que estás a ler agora mesmo.

‘La gran borrachera’ de René Daumal.

16º- Un libro que prohibirías.

Non o sei.

17º- Un libro que levas tempo querendo ler.  

Un do que xa non lembro o título.

18º- O próximo libro que vas ler.

Valorareino en canto remate co que estou agora.

19º- O libro que non lerías endexamais.

Hai moitos que non lerei nunca, basicamente por falta de tempo. Trátase de libros que lería de boa gana. Tendo ese cupo cuberto, non penso nos que non desexaría ler nunca.

20º- A túa triloxía ou saga preferida.

Non me gustan moito as sagas, como tampouco o fan as telenovelas ou as series de televisión, malia estar escribindo unha triloxía.

 

21º- Último libro que che regalaron.   

Un de Chomski.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: