Alberte Momán Noval

Archive for Abril 2019|Monthly archive page

1[14]1 novo libro de poemas

In Uncategorized on Abril 3, 2019 at 3:28 pm

cartaz 1141

1[14]1
Belagua ediciones. Abril, 2019.
1 [14] 1 é un libro de poemas ficción que se aproximan ao concepto de exilio, entendido este dende unha perspectiva máis ampla do que a simple expatriación. Fálase de persoas exiliadas na súa propia terra, das apartadas, censuradas, descontextualizadas, discriminadas. 1 [14] 1 é tamén unha historia de amor que transcorre nun entorno hostil. Trátase dunha prosa poética que pretende dar un paso adiante para unificar os xéneros lírico e narrativo, como culminación dunha traxectoria na que o autor cultivou ambos xéneros limando as posibles diferenzas existentes. O presente volume convértese nunha crónica dun tempo sen pretendelo, aproximándose ás grandes distopías da ficción que, co paso dos anos, volvéronse sumamente reveladoras.

Cun prólogo de Henrique Dacosta que afonda na traxectoria poética do autor, convértese nun libro fundamental para achegarse ao mundo lírico de Alberte Momán Noval.

Alberte Momán Noval. Ferrol, 1976

Autor de poesía, narrativa para adultos e, en breve, será tamén autor édito de narrativa infantil. No eido da edición estreouse colaborando co colectivo A Porta Verdedo Sétimo Andar na coordinación dos Q de Vian Cadernos. Posteriormente crearía dous selos editoriais propios, O Figurante e Emerxente. Actualmente vese inmerso no desenvolvemento do selo M Editora.

No campo da narrativa, cunha grande compoñente de experimentación que comeza coa publicación de Vattene!, traballa sobre o concepto da micronovela, onde une xéneros como a fantasía e a ciencia ficción dende unha perspectiva que o achega ao surreal, rescatando, ao mesmo tempo, a esencia de formatos, hoxe case desaparecidos, como o pulp. Nesta liña encadraríase a Triloxía Vátenne! O legado extraterrestre (culminación daquela primeira micronovela), Bosquexospara unha distopía, Lapamán, Ocidente e Barata minha barata. Estas dúas últimas escritas en portugués padrón.

No que respecta á poesía, despois de anos desenvolvendo, como liña temática, unha retrospectiva profundamente autobiográfica, pretende romper con esa dináminca com 1 [14] 1, no que leva a ciencia ficción, ou poesía ficción como aparece no actual volume, ao eido da poesía, recollendo a bagaxe dos últimos anos de experiencia na narrativa para unificar xéneros, desenvolvendo unha historia de ficción que se integra no actual libro de poemas.

Advertisements