O REGRESO DE LAURAINE MACCOW

Este relato resultou finalista no VII Edición de Contos de Verán que organiza o xornal El Progreso de Lugo.

Contos de verán

Moi agradecido a Lauraine Maccow pola cesión do seu nome á protagonista do conto.

 

O regreso de Lauraine Maccow

Lauraine Maccow percibiu á súa dereita un brazo estendido que lle ofrecía un cigarro. Ela axustou o chapeu entre os cornos antes de sacar a lingua e engulir aquel pequeno bocado de herba seca. Movíase con fruición entre a superficie áspera daquela e o ceo do padal. Cuspiu, entón, o filtro xunto cun exceso de salivación. «Por esta morriñada non compensa delinquir». Sinalou co pezuño o anuncio que ofrecía cinco mil moedas pola súa captura, viva ou morta. «De ser unha contía maior, correría eu mesma a me entregar. Viva, por suposto». Johnny Stomping Shoes apuntaba co seu Colt Navy de 1851 ao centro daquel cartel que, en sepia, mostraba un mal deseño do rostro de Maccow. Forzaba o aceno para pechar un ollo, deixando o outro aberto para agudizar a puntería. Ao lonxe, asubiaba xa a máquina do Lousville & Nashville railroad. Os motores de dúas Road King Police de Harley Dadvison, vibraron sobre o firme empedrado. Anticipándose á chegada do tren, ambos colocaron as súas monturas sobre as vías do camiño de ferro. O sol incidía pesadamente sobre os seus corpos ao descuberto que interceptaban a traxectoria da locomotora. O fume daquela, anunciaba a súa próxima chegada. Maccow e Stomping Shoes desenfundaron os seus revólveres e, apuntando ao horizonte, preparáronse para o que estaba por chegar. Un primeiro disparo anunciou a súa presencia. O impacto sobre o frontal metálico alertou ao maquinista, que informou da súa intención de non parar premendo a serea da máquina, que expulsou violentamente un fío de vapor de auga que rompeu o rumor constante das rodas sobre as vías cun enxordecedor asubío que se demostrou insuficiente para facer desistir da inquebrantable determinación de ambos camaradas, que permaneceron inmóbiles á espera da proximidade do tren. Temendo non ter metros suficientes para unha freada de emerxencia, o maquinista premeu a panca de freo con forza, provocando que a inercia precipitase os vagóns contra a locomotora, movemento que o propulsou contra o cadro de mandos, golpeándoo este no cranio e facéndoo perder o coñecemento. A distancia entre o convoi e aqueles que interrompían o seu traxecto reducíase velozmente. As zapatas dos freos quentábanse ao tempo que desprendían un forte cheiro a goma queimada. Maccow, adiantada con respecto ao seu compañeiro, alzou un pé e levouno cara a adiante. A maquinaria achegábase diminuíndo progresivamente a velocidade. Ambos, indefensos diante de quintais de carga que se dirixían na súa dirección, seguiron impasibles o avanzar da masa férrea que  se lles viña enriba. Nese momento, o pé de Maccow detivo a maquinaría que exhalou o vapor de auga por última vez. Ambos camaradas camiñaron até a porta do primeiro vagón. Accederon ao interior, calmando a aquelas persoas que lles saían ao paso. «Manteñan a calma. Non queremos nada de vostedes. Buscamos tan só o vagón restaurante». O brillo das armas nas súas mans, facían daquela xente individuos submisos e dormentes. Eles dous avanzaban polo estreito andar, acumulando azos que non deberían desperdiciar até chegar ao seu destino. Un neon de luz vermella sobre fondo negro marcaba o final do traxecto. Pararon na porta de vidro do Foster Hollywood. Aló divisaron un cento de zombies ocultando o rostro por tras dos igualmente numerosos costelares de vacún. «Mantén a man a munición, Stomping Shoes, e vámoslle dar o seu merecido a eses porcos caníbales». Dixo Maccow. Os disparos sucedéronse nunha soa dirección, para sorpresa dos comensais. Masa encefálica e salsa do churrasco fixeron unha común alianza, precipitándose para impregnar as superficies. O fume expulsado dos revólveres escureceu o habitáculo até que, rematada a munición, os percusores descansaron sobre o metal fervente e a nube se foi disipando aos poucos. Dando o traballo por rematado, Maccow enfundou as súas armas limpando as roupas da amálgama viscosa e ambos descenderon do vagón para recuperar as súas monturas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s