No ano 2012, o Q de Vian cadernos (do colectivo A Porta verde do Sétimo Andar) publicaban Vattene!, un texto que ben podería ser considerado surrealista e que, co tempo, convertiríase na primeira das partes dunha triloxía publicada no 2015 por Círculo Rojo baixo o título Triloxía Vattene! / O legado extraterrestre. Este último volume estaba composto polos tres relatos pertencentes á devandita triloxía e por un cuarto texto independente, O legado extraterrestre. Unha micronovela psychobilly.
Hoxe é posible descargar, por tanto, a primeira das historias: Vattene! (premede no título).
Trala desaparición de Alexander Hartdegen, o seu secretario, coidando ser beneficiario da súa fortuna, comeza unha viaxe que o devolverá á miseria máis absoluta, e pola que terá a oportunidade de coñecerse a si propio, ademais de imbuírse dun mundo do que descoñecía todo ou case todo. Créndose dono daquelas palabras de Whitman, nas que aseguraba ser o problema e a solución do problema, afonda no seu conflito interior coa fin de aniquilar ás súas propias pantasmas, que non distan moito dos medos que debe afrontar calquera individuo que comeza a descubrir a luz despois dunha cegueira prolongada. O surreal como superación absoluta da percepción humana da realidade. Eis unha historia, unha aventura que se mergulla nas miserias humanas.