Principium individuationis

En xullo do ano 2009 saía o número 777 da Revista das Letras, suplemento cultural do diario El Correo Gallego. Recupero hoxe esa publicación para mostrar, como ben di a redacción do suplemento, a miña primeira obra de teatro publicada.

O medo á individualización, a recoñecernos como individuos que teñen que pensar por si mesmos á marxe da sociedade, alicerza ‘Principium individuationis’, a primeira peza teatral que publica Alberte Momán (Ferrol, 1976), un autor que se deu a coñecer no espertar do novo século cunha obra erótica dun intenso poder evocador, con sólidas imaxes e símbolos capaces de desentrañar a cerna do desexo, a sensualidade…
O cotián, os personaxes anónimos, a brevidade, a honestidade espida dunha escrita directa e capaz deesculcar fondo nas sensacións e sentimentos, unha impronta lírica que tingue non só a súa poesía senón tamén a súa proposta narrativa e a edición en formatos non tradicionais convertéronse nos sinais de identidade da obra de Momán, que foi recoñecida con varios premios. As fendas das relacións interpersoais, os tabús sobre o sexo que aínda perviven, a violencia que atravesa unha sociedade capitalista deshumanizada, o dominio e a submisión, a dor e o pracer, a soidade, a alienación do mundo do traballo, a necesidade de comprometerse cunha transformación posible son teimas temáticas do autor desde os seus comezos. Boa parte delas estouran no seu último poemario, ‘A crise irredutible’, berro contra a renuncia do país a si mesmo, do obreiro á súa clase, da esquerda e o nacionalismo á súa esencia… nunha democracia formal e mediáticaque atropela os dereitos fundamentais do cidadán.

Deixar un comentario